Trapallando no blogue

Este blogue ten como finalidade achegar novas ferramentas educativas á aula e familiarizarnos coa internet e as novas tecnoloxías, ao mesmo tempo que desenvolvemos a nosa competencia comunicativa.

É un espazo público onde podemos plasmar as nosas reflexións, traballos e testemuños sobre as máis diversas temáticas relacionadas coa materia e coa nosa vida dentro e fóra das aulas.
Trátase dun proxecto común, plural e enriquecedor que representa directamente o alumnado de PCPI, máis tamén á comunidade educativa do IES Elviña.


  Sabemos que estiveches blogueando. Non volvas facelo, sexa o que sexa

Por iso, poñémonos de acordo en:

Ter coidado na elección dos títulos, textos, imaxes e videos, que deben gardar relación entre si coma un todo, polo tanto non colgaremos nada de maneira gratuita.

Non manexar fotos, lemas, textos que poidan ferir as diferentes sensibilidades das persoas que formamos parte deste colectivo. O máximo respecto debe guiar o noso traballo cotián.

Isto non quere dicir que se limiten os contidos. Ao contrario, o debate de ideas e o intercambio de opinións é o noso obxectivo irrenunciable neste lugar de encontro.