Unha lectora fóra do comúnTradutor/a: Moisés Rodríguez Barcia
Escritor/a: Alan Bennet
Ed. Rinoceronte Editora,
2010 | Narrativa
Alan Bennett (Leeds, 1934) é un autor difícil de clasificar, xa que a súa prolífica produción inclúe series e programas de televisión, guións para películas de cine, obras de teatro, xornalismo e, dende hai unha década, tamén prosa. Recoñecido mestre do monólogo en televisión, as súas series Un inglés no estranxeiro e Talking Heads atópanse entre os maiores logros da BBC británica de tódolos tempos. Como dramaturgo é autor de pezas teatrais moi celebradas, como Habeas Corpus, Kafka´s Dick ou A loucura do Rei Xurxo(levada posteriormente ó cine). Tamén realizou o guión da longametraxe Ábrete de orellas, dirixida por Stephen Frears, sobre a vida do dramaturgo Joe Orton.
A culpa tivérona os insoportables cans da raíña. Aquel día, despois de estar no xardín, no canto de subir pola escaleira dianteira correron cara a un dos patios e puxéronse a ladrar. Cando a raíña chegou onda eles, descubriu aparcado á porta da cociña do palacio o furgón da biblioteca móbil do concello de Westminster. Nunca mostrara moito interese pola lectura, pero tomou en préstamo un libro, e a este seguíronlle moitos outros, tantos que pouco a pouco a afección se converteu en devoción, perturbando as relacións coa súa familia, os ministros, a servidume e os amigos.
En moi poucas páxinas e cunha ironía da mellor escola inglesa, Alan Bennett amósano-lo poder que posúe a literatura para cambia-la vida das persoas, mesmo a vida dunha Isabel II educada para o deber. Grazas á transformación interior que a paixón pola lectura provoca na protagonista, esta comeza a ve-las cousas dende outra perspectiva e a facerse preguntas, o que fai que desatenda as formalidades propias da realeza, ata desembocar nun sorprendente final.
[Presentación editorial]