Desde a metade do século XIX, sobre todo desde a prodixiosa década de 1880-90, o idioma galego exercítase no cultivo poético e inicia incursións noutros xéneros, dramáticos e narrativos, aínda que limitándose á temática histórica ou de costumes.
 Desde a metade do século XIX, sobre todo desde a prodixiosa década de 1880-90, o idioma galego exercítase no cultivo poético e inicia incursións noutros xéneros, dramáticos e narrativos.
Por volta de 1915 esténdese a sensación de que un cultivo tan limitado do idioma non será abondo para arrincalo da subalternidade e debruzalo nunha modernidade que, precaria e todo, comeza a abrochar con firmeza en Galicia. O galego tiña que urbanizarse, tiña que deixarse oír na esfera pública cada vez máis ancha da sociedade burguesa e urbana, tiña que constituírse nun idioma moderno, isto é, nacional. Urxía utilizalo en conferencias, solemnidades cívicas e eruditas, en mitins; e mais en xornais, revistas e folletos. A literatura seguía sendo fundamental, pero xa non interesaba tanto a poesía como probar o idioma na expresión dos conflitos do home e nos labirintos do pensamento contemporáneo a través da narrativa e o ensaio. Os saberes humanísticos (a Historia, a Filoloxía, a Etnografía) convértense agora en saberes “nacionais”, en instrumentos para construír Galicia como nación.