Ler a Otero Pedrayo, ademais, non é só descubrir Galiza, é tamén saber que estamos a entrar no territorio libre e libertario da literatura. Territorio libre e libertario que acaba, hai pouco menos de 72 horas, de ser lixado, usando como pretexto o nome de don Ramón Otero Pedrayo. E non só ese territorio ao que moitos non teñen a obriga de viaxar. Acaba de ser lixado o territorio da liberdade, o territorio da dignidade, o territorio da tolerancia, e tantos outros territorios que conforman o home (muller) e a súa liberdade e dignidade, que sería prolixo enumerar. Eses territorios, como digo, acaban de seren lixados e, con esa acción, ademais, asesínase, con alevosía e nocturnidade, a Otero Pedrayo: seis institucións galegas, as catro deputacións, a Xunta feijoniana e máis a Academia, outorgaron o premio Otero Pedrayo a Manuel Fraga Iribarne.
Non espero que representantes das deputación ou da Xunta dean explicacións do asasinato do que son reos e convitos, mais estou a esperar, con ansiedade, as motivacións que tivo a Academia para asasinar e lixar o a persona e o nome dun dos seus máis egrexios membros.
Xesús González Gómez
Xesús González Gómez