Estaba o acivro

de garda na fraga,

pasou o carballo

e non lle dixo nada.




Chegou o eucalipto

á porta petar,

o acivro de garda

non o deixou pasar.




Entrou o bidueiro

e máis o salgueiro,

tamén o cerquiño

e o ameneiro.




Pasou o pradairo

seguido do freixo,

tamén a abelaira

e o castiñeiro.




Logo entrou o buxo

e máis a sobreira,

despois veu a faia

xunto coa ulmeira.




-Vaite eucalipto

non insistas máis

que aquí na fraga

non podes entrar.








(Xosé Lois Seixo Fernandez)