Francisco X. Fernández Naval para “O bosque das antas” (Premio Xerais, 1988), unha das grandes novelas aurienses do río, que recrea as terras de Oira e Velle, Rivela e Barra de Miño, cunha miuda riqueza descriptiva:


“Por esta zona o Miño baixa encaixonado polo efecto da erosión. Trepan pola pedra os lameiros, as viñas nas que agavean os esqueletos das cepas, os bosques de piñeiros, algunhas fragas de bidos ou carballos e as hortas suspendidas nas repisas graníticas. Algunha vez os cantiles ergueitos deixan paso a bocarribeiras abertas, como pequenos vales feitos pola auga para descansar na ribeira”. O río interactúa con outros elementos da novela, en paralelo a Amador, o protagonista, que constrúe un lixeiro barco de dúas dornas para baixar as augas ata Portugal, como o río impenetrable no seu xeitos de ser: “A súa vida era o río, levando xentes de acó para acolá. O seu carácter era escuro e descoñecido como as augas que amaba, agora afable como o relanzo, logo misterioso como a redemuíña, sempre calmo. Dicían del que lía unha corrente e que nela era capaz de adivina-lo futuro. De feito todos sabían que predicira a riada do ano trinta, que alagou casas e palleiras e levou a catro homes que traballaban no ferrocarril. Pasou todo o verán agoirando a desgracia, escrita nas pucharcas da estiaxe, no debouzar da corrente contra as ponlas dos amieiros, no reflexo das nubes”.
vía