Hoxe é o cabodano de Ramón Cabanillas
En 1948, Francisco Fernández del Riego andaba a redactar unha antoloxía da poesía galega (que logo se publicaría como Escolma de poesía galega, 1955). No verán dese ano escribiu a Cabanillas, como fixo con outros poetas galegos, pedíndolle uns datos biográficos e a súa opinión sobre a poesía en xeral e a galega, en particular. Cabanillas contestoulle o seguinte:
"Do demais, nada: son un home sen biografía. Nacín o día 3 de Sanxuán do 1876, n-unha casiña vella e probe, con patín, antre un pazo que fundóu un coengo de Compostela e unha praia que fixo persoalmente Noso Señor, na viliña de Fefiñáns, oxe axugada â vila de Cambados e por aquel entón anexo da freguesía de San Adrián de Vilariño, onde fun bautismado n-unha pía sagrada pol-o abade Pedro de Celanova fai arredor de dez séculos; mal estudiéi un pouco de latín e filosofía en San Martiño Pinario; collín un barco ô tuntún e caín na Habana onde escomencéi a esborranchar copras; de volta andiven nunhas cantas segredarías de auntamentos, desfaguendo entortos da picaresca municipal do rus; e, nin apouso nin repouso, vivín até o presente e espero pol-a morte. Nin que decir tén que conocín moitas xentes e vín moitas cousas, mais adivertidas que tráxicas, pero eses son contos para matar o tempo unha noite de inverno, a carón da lareira. Fume e vento."
Carta de Cabanillas a Paco del Riego, sen data pero inmediatamente anterior ó 17 de agosto de 1948. Publicada en Cadernos Ramón Piñeiro XVIII, 2011, 100.