Do A ao Z con...
Libro de poemas que, na liña da colección, ofrece un diálogo poético co bardo da nosa literatura. A maneira de abecedario pondaliano, recóllense diferentes palabras significativas que, clasificadas por orde alfabética, son o eixo dos poemas de estrutura sinxela, con rima e ritmo moi marcados. O territorio do poeta de Bergantiños, no que construíu o seu mundo mítico, aparece humanizado, dende o rio Anllóns ás Illas Sisargas pasando pola carballeira de Verdes, o velliño monte de Nemiña, a terra de Xallas… Os seus héroes celtas, as fadas e os bardos Gundar ou Temunde, a cultura helénica e a aventura d´Os Eoas personificada no mozo Margaride, centran o desexo de fundirse coa natureza, coas uces pero tamén co corzo.
Os textos son así un eco dos queixumes dos pinos e ecoan tamén na sutileza das suxestivas imaxes que os ilustran.
A edición remata cunhas pequenas notas sobre a relevante aparición na obra de Pondal das voces poetizadas.